Friday, 2 June 2017

Resultados das nosas enquisas


ANALIZANDO OS RESULTADOS

Chegados a este punto do proxecto, cómpre botar unha mirada atrás e lembrar que foi o que fixemos ata chegar aquí:

En primeiro lugar, vimos a necesidade de traballar nun tema tan importante como a reciclaxe. O noso centro é grande, con moito alumnado e profesorado, polo que a reciclaxe de todo aquilo que manexamos se volve vital.


IM1. Reunión do profesorado

Puxémonos mans á obra e traballamos de xeito coordinado entre varios departamentos para organizar un proxecto que nos permitise acadar os obxectivos que nos marcamos neste inicio.


Cos obxectivos xa fixados, e xuntando folgos con varios departamentos para traballar de xeito interdisciplinar, comezamos a traballar en varias liñas: a análise dos medios dispoñibles no centro, a elaboración da enquisa, a indagación sobre o tema da reciclaxe, o vocabulario específico en inglés… 

Ata conseguimos renovar colectores do centro, para detallar cal é a función de cada un, grazas a axuda dos compañeiros de Automoción e Plástica.


IMG-20170324-WA0003.jpg
IM2. Colectores do exterior do centro
IMG-20170405-WA0005.jpg
  IM3. Colector de residuos orgánicos situado ao lado da cafetería


Sen dúbida tiñamos aínda moito traballo por diante, pero pouco a pouco as cousas foron tomando o rumbo correcto.


Con moito esforzo e moitas horas de dedicación, chegamos ata o que neste texto queremos detallar, os resultados da enquisa analizados polo alumnado de 1º da ESO. 

IMG_20170331_125533.jpg

IM5. Alumnado de 1º da ESO analizando as enquisas
IM4. Documento resumo da enquisa

Estes resultados foron obtidos revisando cada unha das enquisas, dándolle sentido a cada pregunta para corroborar se os resultados eran válidos, e interpretando o que os números nos estaban a dicir. Estas son algunhas das nosas conclusións:


NO RECREO

Como traemos a merenda? 

Máis da metade do alumnado do centro (un 54 %) emprega ou ben bolsas plásticas dun só uso para traer a merenda ao centro, ou film/papel albal. Este hábito xera unha cantidade moi importante de residuos plásticos que poderían ser evitados mediante o uso de bolsas reutililzables ou empregando outro tipo de materiais menos contaminantes.

Que bebemos? 

Aparentemente, segundo as enquisas, no centro non se merca un número moi alto de botellas de plástico ou refrescos de lata. Un 69% do alumnado e un 57% do profesorado afirma non mercar nunca ditos produtos. Non obstante, a nosa cafetería vende aproximadamente 90 botellas de plástico, 30 refrescos en lata y 70 vasos de café non reutilizables cada semana. É necesario reducir este número e reutilizar e reciclar estes envases cando sexa posible. 

Que facemos cos residuos que xeramos? 

En relación coa idea de reutilizar as botellas, a enquisa indícanos que case un 64 % do alumnado e profesorado garda as botellas para empregalas un par de veces máis. Esta actitude e moi positiva, e podería incluso mellorarse mediante o uso de botellas destinadas a este tipo de usos, xa que entorno a un 63% do alumnado afirma que non emprega este tipo de botellas, incrementándose esta porcentaxe nos últimos cursos da Educación Secundaria.




En canto aos residuos orgánicos (sobras da comida, carapelas de froita...) un 79% do alumnado e profesorado afirma que reciclaría este tipo de residuos se tivese un compostor preto da cafetería. Adiantándonos a esta idea, no centro colocouse un compostor que funcionará de marabilla coa colaboración de todos aqueles que se mostraron favorables ao seu uso.

IM7. Compostor situado

no exterior do centro

IM6. Alumnado traballando no compostor.
NA RÚA
Como mercamos na rúa? 


Outro dos puntos tratados, e o cal dou pé ao inicio deste proxecto, foi a utilización e o reciclaxe de bolsas de plástico. De media, un 59% do alumnado indica que emprega bolsas reutilizables á hora de facer a compra. Sen embargo, este número está moi por debaixo do desexable, xa que a cantidade de bolsas que se empregan cada día nos supermercados e tendas da vila é desorbitada, e só poñendo todos o noso gran de area poderemos reducir dita cantidade. Seguro que moitos, aínda que non a empreguen, teñen na casa unha bolsiña de tea que, en moitas ocasións, resulta ata divertida ou fermosa. 

Que mercamos na rúa? 

A enquisa permitiunos comprobar que o produto que máis mercamos son as botellas de auga de plástico (59%), seguidas dos vexetais/froita en envases de plástico tamén (29%). Este consumo de plástico é bastante alarmante, pero cando menos, o produto que máis se recicla nos fogares tamén é o plástico, cun 65%, seguido do papel e cartón (62%), e do vidro (61%). Resulta de interese que o produto que menos se recicla é o aceite, tan só cun 45%, sendo un dos produtos máis contaminantes.

Por que non reciclamos máis? 

Os resultados da enquisa indícannos que, en xeral, o alumnado non recicla porque non ten tempo ou porque lles da preguiza acercarse a algún colector de reciclaxe, ascendendo a porcentaxe a un 33%. En canto ao profesorado, un 16% afirma que non dispón de colectores preto do seu domicilio para poder reciclar de xeito correcto. 

E se houbese colectores preto dos nosos domicilios? En dito caso, entorno a un 80% do profesorado e alumnado afirma que si reciclaría.


En conclusión, os resultados da enquisa invítannos a reflexionar sobre a importancia da redución do consumo de certos productos, especialmente botellas, bolsas e outros envoltorios plásticos, e da reciclaxe, tanto no centro como nos nosos fogares. E tamén nos fan pensar na necesidade de buscar axuda nas autoridades locais, para fomentar así o uso dos colectores e aumentar o seu número nas zonas nas que non están tan presentes. 

O proxecto continúa o seu camiño buscando acadar o resto de obxectivos. Toca insistir na concienciación dos membros da comunidade educativa, prestar atención á actitude das familias e levar a cabo a nosa campaña nos establecementos comerciais da vila. Paso a paso.






Polo de agora engadimos unha imaxe na que se recolle que produtos deben ir a cada colector, por se algún despistado ten dúbidas acerca disto. Os nosos alumnos poden atopar paneis informativos sobre o tema nas paredes do centro e nos propios colectores. 



No comments:

Post a Comment