Thursday 11 May 2017

O consumo responsable e o movemento "cero refugallos". Animaste a facer algún cambio na túa vida?






O consumo responsable e a mochila ecolóxica


A dinámica desta sociedade na que vivimos baséase en mercar, utilizar por un curto período de tempo e desbotar.  Cal é o problema de consumir dese xeito? Pois que cada obxecto que consumimos leva consigo unha mochila ecolóxica. Esta é a expresión que se utiliza para referirse  á cantidade de recursos naturais utilizados ao longo de todo o ciclo de vida dun produto: a extracción das materias primas, a fabricación, o envasado, o transporte, o seu uso e o tratamento dos refugallos que xera. Os recursos naturais son limitados e se os obxectos producidos non son reciclables ou non nos preocupamos por reciclalos, estamos mandando aos vertedoiros ou ás incineradoras materiais valiosos que poderían ser recuperados coma recursos. 

A economía circular

Ante isto, que podemos facer? Pois buscar un sistema sostible no que os obxectos antes de ser desbotados sexan reutilizados e aproveitados ao máximo e, ao chegar ao final da súa vida útil, convertidos xa en refugallos, pasen a ser reciclados, evitando tanto o consumo de novos recursos como os efectos negativos de vertedoiros e incineradoras.



E por que a incineración e os vertedoiros non son as mellores opcións?

Nos vertedoiros prodúcense reaccións químicas entre a materia orgánica e a inorgánica que dan lugar a lixiviados ou productos tóxicos que van contaminando o solo e augas subterráneas, ríos e mares; tamén dan lugar a gases prexudiciais –sobre todo, metano (gas de efecto invernadoiro).


Con respecto á incineración, tamén produce contaminantes atmosféricos moi prexudiciais para a saúde e residuos sólidos secundarios.

Incinerar ou mandar a un vertedoiro significa perder eses recursos para sempre.

Entón, reciclar e a solución?

Reciclar o máximo posible pode axudar a aliviar esta pesada carga ecolóxica e a pechar o ciclo da economía circular. Pero iso non é suficiente, fundamentalmente porque a reciclaxe é un sistema imperfecto: non todo se pode reciclar, a reciclaxe consome medios e enerxía e, ademais, depende moito da vontade dos produtores, da dos gobernos e empresas recicladoras e da responsabilidade dos consumidores. En canto aos restos orgánicos, a solución si é a compostaxe.




Por que nos preocupan os plásticos especialmente?



Pois porque hai datos que nos amosan que estamos cometendo erros moi grandes:


- Cada ano deixamos que cheguen ao mar máis de 8 millóns de toneladas de plástico.
- Producimos preto dun billón de bolsas de plástico ao ano (máis dun millón cada minuto).
- Nos últimos 10 levamos producido máis plástico
que en todo o século pasado
- O 40% do plástico utilizado provén de envases e
empaquetado de produtos que se usan só unha vez
- O plástico non desaparece nunca, só se vai degradando e descompoñendo en anacos cada vez máis pequenos que contaminan o solo e son arrastrados cara ás correntes de auga. No mar, as correntes agrupan plásticos e microplásticos en determinadas zonas ás que chamamos “illas” de plástico, cinco polo menos, das que non sabemos sequera a extensión exacta…



- O lixo mariño ocasiona a morte por estrangulamento, inmovilización, atragoamento ou intoxicación de moitos animais, e noutros casos é inxerido, pasa á cadea alimentaria e acaba chegando ata nós.




Que é entón o residuo cero? Qué propón con respecto a estes problemas?

Residuo cero significa, en principio, producir a menor cantidade de refugallos posible como resultado das nosas actividades diarias. 

Hai agora coñecidos gurús do cero waste que afirman que poden gardar todo o lixo producido por unha familia de catro persoas nun pequeno tarro de cristal... É iso posible? Quizais non, pero si é posible que co seu exemplo e os seus consellos poidamos achegarnos cada vez más a ese obxectivo. Como? En resumen, seguindo estes principios, un pouco mais complexos que as tres RRR das que se soe falar: ANALIZAR, REXEITAR, REDUCIR, REUTILIZAR, RECICLAR E COMPOSTAR.


En primeiro lugar, analizar o lixo que producimos, decidir cal é o que está mais presente nos nosos caldeiros e colectores e como podemos minimizalos. No caso dos plásticos, reflexionar sobre se realmente é necesario consumilos ou existen alternativas factibles.

En segundo, lugar, rexeitar todo o que se nos fai chegar e non necesitamos e os obxectos dun só uso. Bolsas, botellas, latas, briks, embalaxes, pañais, palliñas para as bebidas, vasos e cubertos de plástico, afeitadoras de usar e tirar, papel de cociña... 

Rexeitar implica temén deixar de mercar o que vén envasado ou emabalado, especialmente en plástico. Comprando a granel e levando ás tendas que non venden a granel os teus propios envases e bolsas.

En terceiro lugar, reducir: mercar e consumir só o necesario. Antes de adquirir algo é importante ver se xa temos outra cousa que o supla ou se o podemos mercar de segunda man ou pedir prestado. 

En cuarto lugar, reutilizar, algo que vai directamente unido aos puntos anteriores. Aproveitar o que xa temos mentras sexa posible, dándolle outro uso, e, se é necesario, reparándoo, remodelándoo, arranxándoo... Trátase de alongar ao máximo a vida dos materiais e produtos. Tamén consiste en esixir aos fabricantes que produzan obxectos durables ou se ocupen de reparalos. Cando finalmente vexas que algo xa non vai ter uso posible para ti, se está en bo estado ou se pode reparar, véndeo, cédeo ou regálao. O que non é util para ti pode selo para outros.

No quinto lugar, chegamos á reciclaxe. Se non lle atopas saída a algo ou está en mal estado, asegúrate de como debes separar os distintos materiais, que é ou non reciclable, en que colectores debes deixar cada tipo de refugallo…, e recicla de xeito correcto sempre que sexa posible. Lembra que podes reciclar papel e cartón, envases de plástico e metal e briks; vidro, aceite, baterías, trebellos eléctricos e electrónicos… E que se algo non se pode reciclar debes deixalo no Punto Limpo da túa localidade. Se algunha destas posibilidades está limitada no teu lugar de residencia debes esixir aos responsables que a faciliten e promovan.

Finalmente, compostar. A maior parte do que atopamos nos caldeiros do lixo domésticos é materia orgánica. Levada ao vertedoiro, compáctase, non se composta, e contribúe, xunto cos outros materiais depositados no mesmo lugar, á contaminación do aire e dos solos e acuíferos. Sen embargo, compostada adecuadamente, é un tipo de resto aproveitable e valioso. Cando se devolve á terra, regresa ao seu ciclo natural e pasa a fertilizar, reparar e renovar o solo.

Lembra que a maior parte do que remata nos caldeiros do lixo se pode reciclar o compostar. 

En resumen, antes de mercar algo, hai varias preguntas que nos debemos facer: Realmente é algo que necesito? Teño xa algo que poida suplilo? Podo atopalo de segunda man ou pedilo prestado? Se finalmente teño que compralo, está fabricado dun xeito sostible, está feito para durar, vén embalado ou envasado en materiais reutilizables ou facilmente reciclables? E, finalmente, chegado o caso, podo reciclalo con facilidade?

Hai moito en xogo, úneste ao movemento cero?

No comments:

Post a Comment